A convocatoria de eleccións galegas, que terán lugar este ano, remexe de novo o hemiciclo galego. A primeira sesión de control deste 2020 ao presidente da Xunta estivo marcada pola bronca entre Alberto Núñez Feijóo e a oposición. Un dos momentos máis tensos estivo protagonizado por Antón Sánchez, vicevoceiro do Grupo Común da Esquerda, ao chamarlle ao presidente “un triste censor franquista en San Caetano“.

- Publicidade -

A sumisión a Madrid

A nacionalista Olalla Rodil escoitou a un Alberto Núñez Feijóo que lle botaba en cara o acordo de goberno que alcanzou o seu partido co PSOE de Madrid facilitando a investidura de Pedro Sánchez. Con isto, o presidente da Xunta anunciou que vai levar aos xulgados a débeda de 370 millóns de euros da que responsabiliza ao Goberno central.

Olalla Rodil, que actuou de voceira do grupo nacionalista en ausencia de Ana Pontón, criticoulle a Feijóo a “sumisión” a Madrid na época de Mariano Rajoy e lembroulle que nos últimos dez anos non realizou ningún tipo de transferencia de competencias a Galicia, entre outras cuestións.

“Non vou tolerar que ninguén diga iso de min”

A tensión volvía ao Pleno da man de Sánchez despois de que Núñez Feijóo acusase ao líder de Anova de non querer vacinar ás crianzas. Sánchez non quixo deixar pasar esta ocasión sen dar a súa resposta.

Feijóo dille a Caballero que “teña coidado”

Por último, o socialista Gonzalo Caballero acusou a Feijóo de tomar decisións “que danaron os intereses da cidadanía do país”. Ante isto, e cunha actitude altiva, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, contestou: “Señor Caballero, o escano que vostede ocupa, ocupárono moitos outros. Teña coidado”.

 

Faite socia, faite socio

As socias e socios de Nós Televisión son un piar básico. Desde moi pouco, a túa achega económica pode axudarnos a consolidar este espazo audiovisual libre e en galego