Antón Sánchez considera que “o que ocorre coa construción dos parques eólicos de Serra das Penas e Paradela é un abuso máis sobre o rural galego dunha coalición de intereses entre unha multinacional e a Xunta de Galicia”. Por isto, demandou a través dunha Proposición Non de Lei a paralización da construción dos dous parques e instou a que se tomasen as medidas necesarias para restaurar a zona afectada.
O deputado denunciou “a hipocrisía dunha Xunta de Galicia solicita que a Ribeira Sacra sexa declarada Patrimonio da Humanidade mentres autoriza proxectos que danan claramente a súa candidatura”. E declarou que “coma é norma tamén a declaración de utilidade pública é unha burla ante o feito de que unha empresa multinacional italiana farase de ouro á conta do noso territorio e do noso vento deixando para a zona os impactos e migallas económicas. Por que sistematicamente se lle concede a declaración de utilidade pública ao que é simplemente un negocio privado?”. Por estes motivos tamén lembrou a necesidade de mudar o modelo de desenvolvemento eólico, cara uns criterios “máis sostibles, respectuosos co territorio e máis democrático, onde a xente do rural sexa o obxectivo prioritario e non as multinacionais”.