O Grupo Común da Esquerda esixiu este venres que o conselleiro de Industria, Francisco Conde, dea explicacións sobre a actuación da Xunta no parque eólico do Oribio tras coñecerse o auto do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no que desestima o recurso do Goberno galego contra a paralización das obras dun parque eólico nesta serra. O voceiro Antón Sánchez solicitou a súa comparecencia, xunto ao resto de grupos da oposición, para dar conta da situación ao considerar que “se trata dun caso evidente de complicidade do goberno de Feijóo coa empresa para pasar por riba da conservación dos valores ambientais, patrimoniais e paisaxísticos”.

- Publicidade -

Antón Sánchez incidiu en que “o auto é rotundo e pon en cuestión unha tramitación na que están implicados varios departamentos da administración autonómica e que permitía o desenvolvemento dun parque eólico en plena Rede Natura”. Ante isto, Antón Sánchez sinala que “o auto confirma a necesidade dunha Declaración de Impacto Ambiental actualizada para unha correcta preservación dos valores da zona”, xa que, sobre a que se asenta o proxecto, de 2005, está obsoleta ante os cambios lexislativos e da realidade ocorridos en 14 anos. A resolución xudicial cuestiona, entre outras cousas, a consideración de “non substancial” da modificación do proxecto proposta, cuestión chave para esquivar a formulación da DIA. “E trata de esquivarse a DIA porque o goberno galego sabe que se se elabora unha declaración nova alí, por ser Rede Natura, nunca podería implantarse un parque eólico”, remarcou Sánchez.

Faite socia, faite socio

As socias e socios de Nós Televisión son un piar básico. Desde moi pouco, a túa achega económica pode axudarnos a consolidar este espazo audiovisual libre e en galego