O voceiro do Grupo Común da Esquerda, Antón Sánchez, interpelou ao presidente da Xunta na sesión de control parlamentaria polo que considera un “favorecemento continuo ás grandes empresas” e colocou como exemplos os conflitos que atravesa a veciñanza de Tameiga, en Mos, co centro comercial do Celta e do parque eólico que quere construír Fergo Vento S.L. na serra do Oribio. “A súa prioridade por enriba da preservación do patrimonio sempre foi a utilización das institucións públicas, que deberan traballar polo interese xeral, para traballar polos intereses dos poderosos e as grandes empresas, e hai dous exemplos ben recentes: o parque eólico na Serra do Oribio e a cidade deportiva do Celta cun centro comercial de 140.000 metros cadrados en Mos”.

- Publicidade -

Oribio, a labazada xurídica

No que respecta á Serra do Oribio, Antón Sánchez lembroulle a Feijóo que a Xunta vén de sufrir a súa segunda labazada xurídica en menos dun mes, a través do auto do TSXG que desestima o recurso da Xunta en contra da paralización das obras do parque eólico. “Sabían o que estaban facendo, porque os colectivos sociais levaban xa un ano protestando e porque neste Parlamento tamén llo advertimos, pero permitírono igual e causaron danos que xa son irreversibles. Vanse responsabilizar vostedes destes danos irreversibles que se fixeron por culpa da acción do seu Goberno?”, engadiu.

Mos, un beneficio para Mouriño

O voceiro do Grupo Común da Esquerda tamén denunciou o incumprimento reiterado da Lei por parte do Goberno co obxectivo de beneficiar a grandes empresas: “ademais de sortear torticeiramente o Plan Director de Rede Natura, no que se di que nela non se poden facer parques eólicos, acaban de cambiar case por completo o PXOM de Mos aprobado hai só dous anos para beneficiar o seu amigo Carlos Mouriño”. “Din que se expropian os terreos das comunidades de montes veciñais en beneficio do interese xeral, pero a realidade é que o fan para que Mouriño constrúa, entre outras cousas, un centro comercial de 140.000 metros cadrados. Xa se sabe, expropiar barato os veciños recualificando o solo para que el faga negocio sen estudar o impacto no comercio local nin no medio ambiente”, engadiu. “Cando vai rematar co modelo de espolio e de capitalismo de ladrillo a prol dos amiguetes? Cando vai deixar de renunciar ao futuro de Galicia e vai comezar a facer políticas polo interese xeral dos galegos e galegas?”

Faite socia, faite socio

As socias e socios de Nós Televisión son un piar básico. Desde moi pouco, a túa achega económica pode axudarnos a consolidar este espazo audiovisual libre e en galego