![Antón Reixa participará no Fisterra Blues para lembrar os 20 anos de Mareas Vivas Antón Reixa participará no Fisterra Blues para lembrar os 20 anos de Mareas Vivas](https://nostelevision.gal/wp-content/uploads/2019/06/mareas-vivas-nítido-768x432.jpg)
Antón Reixa tamén participará no Fisterra Blues nunha conversa que terá lugar na lonxa de Fisterra o próximo domingo 30 de xuño. Será como creador de Mareas Vivas nunha palestra titulada ‘A Costa da Morte diante do espello catódico: 20 anos de Mareas Vivas‘, na que tamén participará Carlos Ares, presidente da Academia Galega do Audiovisual e un dos guionistas da serie.
Mareas Vivas é a primeira serie galega realizada en exteriores que supuxo un antes e un despois no audiovisual galego. A Costa da Morte pasou a ser a principal protagonista desta serie e con estes dous convidados (creador e guionista) analizarase a serie desde o punto de vista da identidade e de como se convertiu nun fenómeno autoreferencial.
O Fisterra Blues Experience regresa do 28 ao 30 de xuño nunha terceira edición na que haberá artistas internacionais como Rockin’ Johnny Burgin (EEUU) ou Morgane Ji (Illa Reunión); destacados membros da escena estatal como Los Deltonos, Tonky Blues Band ou Quique Gómez & Curro Serrano; e grandes do blues galego como Marcos Coll Band (residente en Berlín), The Soul Jacket, Andhrea & The Black Cats, Willy & Winnie, Zeltia e Víctor Aneiros.