Ante as acusacións do PP, o cooperativismo cultural únese no manifesto “Esiximos respecto”

Así é o manifesto "Esiximos respecto" da Unión de Cooperativas EspazoCoop

Ao mesmo tempo que comezaba en Compostela o pleno extraordinario forzado polo Partido Popular de Santiago, a entidade máis representativa do cooperativismo galego viña de publicar un comunicado alertando do perigo que supón a publicación das “listas negras” impulsadas polo PP compostelán.

- Publicidade -

Así é o seu manifesto


Solicitamos RESPECTO ao COOPERATIVISMO CULTURAL ♥♥

A Unión de Cooperativas EspazoCoop con 202 cooperativas socias é a entidade máis representativa do cooperativismo galego por número de asociadas. Entre elas destacan as cooperativas vencelladas co ámbito cultural que teñen conformado no seo da Unión unha sectorial propia. Son cooperativas nalgúns casos cunha longa traxectoria de traballo aprol da cultura do noso país e noutros cunha traxectoria menor, pero non por iso menos salientable e que en tódolos casos, destacan pola súa profesionalidade e bo facer, polo seu compromiso co modelo e os seus valores e pola súa contribución ao vigor do sector cultural galego, facilitando que os valores e principios do modelo cooperativo cheguen á cidadanía a través das súas actividades.

As nosas cooperativas traballan con administracións públicas autonómicas, provinciais e locais sen distinción de signo político, tanto no presente como no pasado e así haberán de seguilo facendo no futuro alén de disputa político partidaria.

O cooperativismo en Galicia forma unha parte fundamental da Economía Social galega, que representa, segundo datos da Xunta de Galicia, a máis de 3.000.- empresas, 14.000.- postos de traballo e 3.000 Millóns de facturación. E o facemos desde os valores que nos son propios: primacía da persoa, redistribuíndo os recursos, cohesionando o territorio e xerando riqueza desde o local.

Por todo o exposto solicitamos RESPECTO ao traballo que desenvolven as nosas entidades, respecto ás socias e socios das nosas cooperativas que deseñan e presentan propostas a administración pública, a cal ten o mandato constitucional expreso de fomento do cooperativismo mediante un desenvolvemento lexislativo acaído e que ten o seu refrexo na vixente lei de contratos do sector público, onde se consolida a inclusión de cláusulas sociais, ambientais e de xénero e se promove e fomenta a contratación pública, mesmo mediante a reserva de contratos a empresas que distribúan beneficios con arreglo a criterios de participación e nas que a estructura de dirección e propiedade estén baseadas na propiedade das persoas empregadas ou en principios de participación. (Disposición adicional cuadraxésima oitava. Lei 9/2017, de 8 de novembro, de Contratos do Sector Público)

Demandamos que se teña en conta ás cooperativas polo valor que aportamos á sociedade e non polas nosas afiliacións e opinións políticas, ás que por suposto as persoas socias temos dereito, pero que sabemos deixar á marxe no desenvolvemento do noso traballo.

Solicitamos que non se nos utilice para o xogo electoralista a través de medios, como se ven facendo en Santiago de Compostela, e outras ciudades, onde se publican “listas negras” de cooperativas e outras empresas culturais e persoas acusadas de recibir contratos públicos por afinidades ideolóxicas.

Esiximos que si se queren denunciar irregularidades, se faga pola vía xudicial. A nosa Unión leva xa moitos anos traballando en políticas de visibilización do cooperativismo como unha alternativa real de autoemprego colectivo, de innovación social, de igualdade de dereitos e de redistribución da riqueza con criterios de participación. Somos as primeiras interesadas en denunciar todo aquelo que vaia en contra da legalidade, do bo facer e dos valores e principios cooperativos, pero non se pode permitir que de xeito gratuíto se ensucie o nome de ningunha das nosas entidades, con listas negras. Por iso, demandámosvos, sentido común, para garantir que o cooperativismo cultural continúe a enriquecer as nosas vidas.

Faite socia, faite socio

As socias e socios de Nós Televisión son un piar básico. Desde moi pouco, a túa achega económica pode axudarnos a consolidar este espazo audiovisual libre e en galego