A Asociación Nacional de Psicólogos Clínicas e Residentes (ANPIR) denuncia “a progresiva erosión dos dereitos dos nosos compañeiros en Galicia” tras a comparecencia “inaceptable” do director de asistencia sanitaria do SERGAS, Jorge Aboal, no Parlamento o pasado 28 de novembro, na que anuncidou o novo Plan de Saúde Mental para o 2020.
Na súa comparecencia, Aboal obviou a convivencia entre as especialidades de psiquiatría e psicoloxía clímica e a regulamentación xurídica pola que se crea o título oficial de psicologa/o especialista en psicoloxía clínica. “Faisenos doutra época ter que comunicar aquí a competencia cotiá das especialistas en psicoloxía clínica para a avaliación, diagnóstico e tratamento dos trastornos mentais”, indican no comunicado enviado a prensa.
Carencia de persoal
ANPIR tamén denuncia que o SERGAS “elude sistemáticamente o seu compromiso sobre a incorporación progresiva de especialistas en psicoloxía clínica no citado servizo de saúde”. A isto, súmaselle a cifra de 3,47 especialistas en psicoloxía clínica por cada 100.000 habitantes. “Esta carencia de persoal e a desigual dotación das profesións implicadas, complica a posibilidade de construír un proxecto de Saúde Mental solvente, comunitario e multidisciplinar para a cidadanía galega”. Engádenlle gravidade ao verse o noso país nunha “galopante desigualdade social, unhas alarmantes taxas de suicidio e de drogodependencias, listas de espera próximas aos 9 meses nalgunhas áreas de saúde e, entre os datos coñecidos, unha prescripción de psicofármacos moi por riba do que os estudos epidemiolóxicos considerarían razoable”.
Por estas razóns, ANPIR enviaron este comunicado en solidariedade cos colectivos profesionais da Psicoloxía Clínica de Galicia quedando á disposición das traballadoras galegas para loitar por unha mellora dos servizos de atención á saúde mental dentro da sanidade pública.