Tras unha sesión de investidura que abre paso a un goberno de coalición entre o PSOE e Unidas Podemos, Anova Irmandade Nacionalista emitiu un comunicado no que aposta pola “unidade das forzas democráticas e progresistas diante da implantación do discurso do odio da ultradereita”. Este goberno de coalición entre o PSOE e Unidas Podemos supón un “cordón sanitario contra o Bloque de Colón, contra os discursos do odio contra as mulleres, as nacións e os inmigrantes pobres que procuran oportunidades no Estado español”.

- Publicidade -

Dende Anova fixan a ollada nas eleccións galegas que terán lugar este ano e onde ven unha oportunidade para “abrir un tempo novo”. “Por iso debemos ser esixentes no cumprimento e desenvolvemento da axenda galega, para demostrar que Mariano Rajoy e Núñez Feijóo non quixeron desenvolver o autogoberno nin transferir competencias a Galicia durante os sete anos nos que presidiron ao tempo os gobernos do Estado e de Galicia. Debemos deixar atrás os lexítimos intereses partidarios para establecer unha gran alianza da esquerda da nación para rematar coa década negra neoliberal de Alberto Núñez Feijóo: para que a Xunta de Galicia deixe de privatizar servizos públicos e de estar ao servizo de multinacionais que deterioran o noso medio ambiente e que destrúen alternativas de emprego no noso país. Precisamos Unidade Popular e ruptura en Galicia para termos unha alternativa ao Partido Popular e ao rearme da ultradereita”.

“Veñen tempos difíciles, nos que dereitos e liberdades proclamadas no actual marco xurídico-político están a ser cuestionadas por sectores cada vez máis importantes do Estado e dos principais intereses económicos e mediáticos. Fronte a esta ameaza é fundamental defender os dereitos sociais do conxunto da cidadanía e avanzar na necesaria democratización do Estado español, que debe substanciarse no diálogo político, no respecto á vontade popular e no recoñecemento dos diversos pobos do Estado como suxeitos políticos de pleno dereito”, sinalan os de Anova.

“Pese a todas as dificultades que supón o auxe da ultradereita e a súa axenda do odio, reiteramos hoxe tamén a nosa posición en relación a abrir un horizonte de ruptura democrática co Réxime do 78, a súa monarquía, e un aparato de Estado contaminado aínda de franquismo. Nese sentido a nosa aposta pasa por abrir un proceso de procesos constituíntes para que as Repúblicas abran camiño á democracia e á xustiza social”.

Faite socia, faite socio

As socias e socios de Nós Televisión son un piar básico. Desde moi pouco, a túa achega económica pode axudarnos a consolidar este espazo audiovisual libre e en galego