Este luns ás 14.00 horas remataba o prazo para rexistrar as coalicións que concorrerán aos comicios estatais e a Fronte Ampla que propuña a pasada fin de semana Anova non foi unha delas. Ao non saír adiante, Anova prefire recuar e non presentarse ás eleccións estatais en solitario.

- Publicidade -

“Fixemos chegar esta proposta aos diferentes axentes interpelados e infelizmente verificamos que non houbo resposta positiva para armar unha nova Fronte Ampla. Entendemos que a competición entre diferentes opcións do espazo de ruptura divide a necesaria unidade e non se corresponde coa nosa aposta pola acumulación de forzas, motivo polo que decidimos non concorrer ás vindeiras eleccións xerais”, sinalan nun comunicado.

“Seguiremos a traballar dende a cooperación nos espazos políticos e institucionais compartidos, coidando dende alí o funcionamento do proxecto común. No inmediato, traballaremos xa para conseguir que nas vindeiras eleccións autonómicas poidamos conseguir esa unidade de acción que impida revalidar ao PP o goberno do País. A situación de emerxencia social que viven as nosas clases populares merecen recuperar verdadeiras fórmulas comúns que poidan disputar todas as hexemonías”.

Faite socia, faite socio

As socias e socios de Nós Televisión son un piar básico. Desde moi pouco, a túa achega económica pode axudarnos a consolidar este espazo audiovisual libre e en galego