Home Programas Espazo Aberto Anova e BNG denuncian a sentenza do TS, “froito dun xuízo político” contra o independentismo catalán

Anova e BNG denuncian a sentenza do TS, “froito dun xuízo político” contra o independentismo catalán

0
Anova e BNG denuncian a sentenza do TS, “froito dun xuízo político” contra o independentismo catalán

As executivas dos partidos nacionalistas Anova e BNG lanzaron este luns senllos comunicados denunciando a sentenza publicada polo Tribunal Supremo no que condena a prisión ás e aos principais dirixentes do proceso independentista catalán, en especial do referendo popular que se celebrou o 1 de outubro de 2017.

Dende Anova, nun documento asinado por Pepe Arias, sosteñen que “queda constatado que no actual marco xurídico-político do Estado español non se poden materializar todos os proxectos políticos, aínda que sumen maiorías sociais e electorais”. Ao mesmo tempo, advirten das consecuencias deste dictame xudicial non só para o pobo catalán senón tamén para o galego: “É importante entender e explicar que os dereitos e liberdades que hoxe se violentan en Cataluña mañá poden estar en risco en Galicia ou en calquera parte do Estado. Trátase de criminalizar a protesta para procurar ter unha sociedade mansa. A Galicia que se move en plataformas e loitas cívicas contra as políticas neoliberais da Xunta de Galicia ben sabe do que estamos a falar”.

Pola súa parte, o BNG ve nesta sentenza “a enésima demostración do proceso de profunda involución democrática que estamos a vivir e que non só afecta a negativa do Estado español a recoñecer o carácter nacional de Cataluña, Euskal Herria e Galiza e o seu lexítimo dereito á autodeterminación, senón que vai nunha clara dirección de retroceso, recentralización e perda de dereitos e liberdades básicas como a liberdade de expresión, reunión, manifestación, conciencia ou de participación política”. E sentencian: “Ningunha persoa demócrata pode permanecer indiferente ou equidistante ante unha sentenza como a que vimos de coñecer”.