Coa ollada posta nas eleccións estatais que terán lugar o 10 de novembro, Anova celebrou o pasado sábado unha Conferencia Política preasemblearia en Compostela no que reafirmou o seu compromiso “cunha aposta unitaria de ruptura co Réxime que sexa capaz de recoller todo o potencial transformador, unha aposta que sexa reflexo dun suxeito político galego como espazo de toma de decisións”, sinalan nun comunicado.

- Publicidade -

A formación nacionalista, que nas pasadas eleccións estatais optara por non presentarse, anuncia que dará traslado destas propostas aos diferentes axentes do espazo de ruptura en Galicia “para deixar abertas as portas do acordo até o último minuto”.

Fronte Ampla da esquerda galega

O espazo que propón Anova está pensando para contar con todos os actores políticos posibles “como as mareas municipais e cidadanía auto-organizada, que xunto ás organizacións políticas de esquerda deben ser participes e protagonistas dun suxeito que sexa quen de estar en disposición de frear ao bloque reaccionario da dereita, ser quen de ilusionar á maioría da sociedade fronte á estratexia do Réxime bipartidista de fortalecerse nas vindeiras eleccións”.

Neste senso, a Fronte Ampla proposta contaría cunha mesa de coordinación política na que deben estar representados todos os axentes do espazo na fórmula que se concrete, dirixir a actividade do espazo e crear mecanismos de dación de contas coa cidadanía das deputadas e deputados electos, así como a interlocución continua con outros espazos institucionais como poden ser o Parlamento Galego e os diferentes concellos do país. Deste xeito, coloca como puntos fundamentais para acadar un acordo programático mínimo os seguintes seis puntos:

1 | A defensa da soberanía popular da nación galega como suxeito político con dereito a decidilo todo.

2 | Compromiso activo na loita contra o cambio climático. Superación dun sistema que esgota os nosos recursos naturais e beneficio das grandes multinacionais que se enriquecen coa depredación do noso territorio.

3 | Derrogación das Reformas Laborais de PP e PSOE. Impulso dun Marco Galego de Relacións Laborais. Plan de retorno para a mocidade que tivo que emigrar como consecuencia das políticas neoliberais.

4 | Posta en marcha de políticas públicas que impidan a desindustrialización e a deslocalización de empresas en Galiza.

5 | Derrogación da reforma do artigo 135 da Constitución do 78 e recuperación da soberanía financeira da administración local.

6 | Reafirmar o noso compromiso co feminismo e a igualdade, con políticas debidamente orzamentadas.

 

Faite socia, faite socio

As socias e socios de Nós Televisión son un piar básico. Desde moi pouco, a túa achega económica pode axudarnos a consolidar este espazo audiovisual libre e en galego