
Tras a reunión mantida este mércores co alcalde de Compostela, a conselleira de Medio Ambiente anunciou ante a prensa que a Xunta irá “da man da xustiza” ante o conflicto medioambiental aberto en Casalonga, no concello coruñés de Teo.
Nos últimos días, a empresa subcontratada por Toysal iniciou o baleirado da lagoa da canteira de Casalonga e procedeu ás voaduras sobre esa mesma lagoa. Ante isto, Augas de Galicia ordenou a paralización do baleirado da lagoa e iniciou un expediente xa que a empresa non realizou o tratamento de augas imprescindible para proceder ao vertido. Por outra parte, o permiso de labores foille renovado á empresa a través do silencio administrativo da Xunta. Con todo, preguntada polo conflito que atravesa a veciñanza e terra de Casalonga, a conselleira de Medio Ambiente afirmou que “non existe ningún proxecto enriba da mesa”.
A conselleira pronunciábase tamén sobre o vertedoiro de Santa María de Grixoa situado en Compostela a 400 metros das vivendas. A veciñanza denuncia que o vertedoiro está xa a desbordar mentres continúa a recibir os residuos que produce a cidade da Coruña.
O alcalde de Compostela, Xosé Sánchez Bugallo, referiuse á depuradora de Silvouta que perderá parte das subvencións europeas por non executarse dentro dos prazos esixidos.