
Arnaldo Otegi lanzaba a primeira pedra a prol da soberanía nacional dos pobos no mes de setembro. O coordinador xeral de EH Bildu chamou ás forzas soberanistas a conformar unha unidade de acción de cara os comicios do 10 de novembro para ser “máis e máis fortes” no Congreso dos Deputados. Apenas un mes despois, o pasado 25 de outubro, asinábase a Declaración da Lloltja de Mar.
As forzas políticas que participaron desta Declaración proviñan de Euskadi, Catalunya e Galiza: Crida Nacional, CUP, Demòcrates, Esquerra Republicana, Esquerra Valenciana, MÉS per Mallorca, MÉS per Menorca e PDeCAT-Junts per Catalunya, República Valenciana-Partit Valencianista Europeu, EH-Bildu e BNG. Dende o nacionalismo galego xurdiron voces que botaban de menos a presenza da voceira do Bloque Nacionalismo Galego no acto de sinatura. Case unha semana antes da súa celebración, Ana Pontón pronunciábase así sobre o dereito de autodeterminación dos pobos ante Nós Televisión.
Nin Anova nin En Marea foron avisadas da Declaración da Lloltja de Mar, que apela á comunidade internacional a posibilitar, apoiar e promover solucións para os distintos conflitos territoriais abertos no Estado español. Tras isto, este pasado luns, preguntámoslle ao voceiro de Anova, Antón Sánchez, pola súa valoración ao respecto dese primeiro chamamento que lanzara Arnaldo Otegui en favor dunha unión das forzas soberanistas.
Ao igual que nas pasadas eleccións estatais, Anova decidiu non presentar a súa candidatura aos comicios do 10N. Tanto o BNG como Anova foron as únicas formacións galegas que lanzaron senllos comunicados condenando a sentenza emitida polo Tribunal Supremo en contra do independentismo catalán e da protesta social.