Coa entrada do ano 2020, as peaxes da AP9 volverán incrementarse. Tras este anuncio, a líder do BNG, Ana Pontón, chama a acabar coa “estafa legalizada da AP9” e colócao como “unha das cuestións clave na axenda galega que o BNG defenderá ante o Estado”.

- Publicidade -

“Queremos deixar patente a indignación polas subidas continuas e desproporciondas das peaxes e por iso mantemos un compromiso moi claro: conseguir a xestión da AP9 como primeiro paso para acabar coa estafa das peaxes e será un tema clave na axenda galega ante o Estado e, desde logo, vai condicionar a nosa actuación nos próximos días. Os que aspiran a gobernar no Estado teñen que ter claro que está é unha posición firme e sólida e non imos permitir que siga o trato discriminatorio con noso país”, salientou.

A líder nacionalista salientou que desde 1977 as peaxes da AP9 aumentaron un 1.800%, que desde que AUDASA ten a concesión a recadación ascende a 2.500 M€ e que en 2048, cando finalice, a cifra subirá a 14.500 M€. Destacou tamén que só tres autoestradas teñen a concesión máxima de 75 anos e dúas están en Galiza, AP9 e AP53.

Recortes nos hospitais do rural

Pontón tamén fixo referencia á decisión “sangrante e inaceptable” de pechar o paridoiro e as urxencias pediátricas no Hospital de Verín adoptada polo presidente da Xunta, “actuando en contra dos dereitos das mulleres e dos dereitos da infancia”.  “Se Feixóo non é capaz de contratar pediatras que se faga a un lado, que dimita porque sería a maior proba da súa incompetencia”, salientou, tras parabenizar á veciñanza pola mobilización en defensa dos servizos sanitarios, “se o PP pensa que se van cansar equivócase”, augurou. O BNG vai levar o asunto de novo ao Parlamento a través dunha proposición non de lei para debater e votar en Pleno, “unha segunda oportunidade para que Feixóo rectifique”.

Faite socia, faite socio

As socias e socios de Nós Televisión son un piar básico. Desde moi pouco, a túa achega económica pode axudarnos a consolidar este espazo audiovisual libre e en galego