Fin de semana frenética en Catalunya. Logo de que o xuíz Llarena decretase prisión provisional para os exconsellers do Govern catalán Romeva, Bassa, Forcadell, Rull e Turull, así como a posíbel extradición de Carles Puigdemont após ser retido en Alemaña, o BNG sae agora en defensa das persoas “inxustamente encarceradas ou exiliadas”. A voceira nacionalista, Ana Pontón, lamentou este luns a “involución democrática” do Estado español.
Pola súa banda, o PSdeG-PSOE pide que se cumpra o mandato constitucional “propio do Estado de dereito”, ao tempo que insta aos dous “bloques políticos enfrontados” en Catalunya a atopar unha solución “dentro da transversalidade”. Na mesma liña crítica que o Bloque ao respecto da actuación xudicial amosouse tamén En Marea, que emitiu un comunicado o pasado sábado condenando esta situación e defendendo que “o dereito a decidir non pode ser criminalizado” polo Estado.
Manifesto “Basta xa!”
Asemade, persoas de diferentes ámbitos da sociedade galega impulsaron estes días un manifesto “contra a represión política en Catalunya”. Entre as e os promotores atópanse Suso de Toro, Isabel Risco, Margarita Ledo ou Pilar García Negro, quen convidan a asinar este documento que clama pola “liberdade inmediata” das e dos representantes do anterior Govern que se atopan “en prisión ou no exilio”.