No Día Europeo das Linguas, impulsado polo Consello de Europa, a portavoz do BNG en Europa, Ana Miranda,sostén que o Estado español debe afondar no cumprimento da Carta Europea das Linguas Rexionais ou Minoritarias co obxectivo de garantir a normalidade das linguas minorizadas.
Segundo a Carta, ratificada polo Estado español en 2001, o Estado ten que garantir o uso pleno do galego nos territorios onde é oficial ou está protexido polo estatuto en ámbitos como a sanidade, a educación, a xustiza, a administración, as relación sociais e económicas, a cultura e as relacións transfronteirizas.
A nacionalista fixo fincapé nas deficiencias na aplicación da Carta ao respecto do galego. “É contraditorio que o Consello de Europa busque fomentar o plurilingüismo coa conmemoración do Día Europeo das Linguas e que logo nos atopemos con problemas á hora de desenvolver a vida en galego”, sinala Ana Miranda, para quen fomentar o plurilingüismo “ten que traducirse en poder desenvolver a vida en galego”.