Home Programas Espazo Aberto Ana Miranda leva o escándalo de San Finx ao Parlamento Europeo

Ana Miranda leva o escándalo de San Finx ao Parlamento Europeo

0
Ana Miranda leva o escándalo de San Finx ao Parlamento Europeo

A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, levou denuncia por contaminación da mina de San Finz á sesión da Comisión de Peticións da Eurocámara que quedou aberta grazas á presión exercida polas eurodeputadas de Verdes-ALE -grupo no que se insire o Bloque na Eurocámara-, a portavoz do BNG en Europa. Miranda defendeu como “indispensable” a visita dunha misión oficial do Parlamento Europeo para analizar a explotación mineira de San Finx así como a megaminería contaminante en Galiza.

“Europa ten que coñecer que sucede na ría de Muros e Noia como consecuencia dos verquidos”

“Europa ten que coñecer que sucede na ría de Muros e Noia como consecuencia dos verquidos desta mina igual que hai anos unha delegación da Eurocámara visitou a ría do Burgo”, salienta Ana Miranda, en referencia á visita celebrada en 2013 por un grupo de eurodeputados e eurodeputadas para coñecer o estado das rías galegas e que motivou a elaboración dun informe no que se instaba ao dragado da ría do Burgo, actuación aínda pendente posto que os fondos europeos non foron solicitados.

Para Miranda é preciso avanzar no cumprimento da Directiva Marco da Auga –que establece os límites máximos de certas substancias perigosas e perigosas prioritarias- e avaliar os datos de contaminación que sinala a denuncia sobre a contaminación da mina de San Finx, que indica a presencia de altos niveis de metais pesados, como cadmio, cobre e zinc.

Ademais de considerar a pertinencia de que a petición quede aberta e de realizar unha misión a Galiza, a este retraso “insultante” do goberno galego no traslado de información á Eurocámara fixeron referencia as deputadas do grupo Verdes-ALE, a danesa Margrete Auken e a letoa Tatjana Zdanoka, vicepresidenta da Comisión de Peticións. “Que se diga que non é preciso informe de impacto ambiental porque é unha vella mina é absurdo”, engadiu Auken, mentres que Zdanoka instou á Comisión a facer o seu traballo. “É inaceptable traballar nestas condicións”, salientou.