Ana Miranda está a participar na misión de observación e rescate de migrantes da ONG Proactiva Open Arms. Segundo Miranda, compre loitar contra a criminalización das ONG que se agudizou especialmente coa interceptación en Italia dunha das embarcacións desta ONG en medio dunha operación de rescate. Precisamente foi despois destas circunstancias cando Oscar Campos, director de Open Arms, explicou no Parlamento Europeo en que consiste o traballo que desenvolven.
“Salvar vidas non é delito”
No seu primeiro día de navegación, Miranda clama contra a política europea de migración e chama a atención sobre o estado actual do mar Atlántico: “Isto é un camposanto de persoas que fuxen por chegar á vida”
A eurodeputada do BNG xa expresara a súa indignación con motivo da travesía que se viu obrigado a sufrir o barco Aquarius, vagando entre distintos estados. Ao seu xuízo, esta circunstancia puxo de manifesto que “a Unión Europea non ten o coraxe nin a ambición política de salvar vidas, senón que mostra que o sistema europeo baséase en protexer as fronteiras e disuadir ás persoas inmigrantes e refuxiadas en lugar de ir ás causas de por que veñen a Europa fuxindo dose seus países”.
Ademais de Ana Miranda, en representación do BNG e o grupo Verdes-ALE, nesta misión participan outros eurodeputados e eurodeputadas como Miguel Urbán (GUE/NGL), Eleonora Forenza (GUE/NGL) e Javier López (S&D).