A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, e integrante do grupo de Memoria Histórica do Parlamento Europeo, denuncia que a parálise da exhumación de Franco acordada polo Tribunal Supremo incumpre a Resolución contra o avance do fascismo en Europa que aprobou a Eurocámara o pasado 25 de outubro. “Lamentablemente esta decisión prodúcese o mesmo día que o investigador Carlos Babío recibe unha segunda denuncia por parte dos descendentes do ditador”, critica a eurodeputada do BNG.
Miranda denuncia a impunidade coa que actúa a familia Franco fronte aos datos históricos contrastados que demostran que boa parte da súa fortuna procede do espolio que levou a cabo o ditador. “É intolerable”, subliña desde Bos Aires, onde se atopa como parte da delegación da Coordinadora Estatal da Querela Arxentina contra o franquismo (CEAQUA), para participar en diversas actividades que permitan manter aberta a causa contra o franquismo, que instrúe a xuíza María Servini, desde o eido internacional. “Desde o Parlamento Europeo seguirei afondando no compromiso do BNG na loita contra o fascismo”, salienta a eurodeputada nacionalista.