Home Programas Espazo Aberto Ana Miranda denuncia a “terrible situación humanitaria” que se vive no campo de refuxiadas de Moria, o maior de Europa

Ana Miranda denuncia a “terrible situación humanitaria” que se vive no campo de refuxiadas de Moria, o maior de Europa

0
Ana Miranda denuncia a “terrible situación humanitaria” que se vive no campo de refuxiadas de Moria, o maior de Europa

A portavoz do BNG en Europa denuncia a “terrible situación humanitaria” que viven os miles de persoas que viven no maior campo de refuxiadas de Europa: o de Moria, na illa de Lesbos, que supera as 27.000 persoas segundo as propias autoridades. Ana Miranda destaca que “non podemos permitir que continúe a sistemática violación dos dereitos humanos e os ataques fascistas que sofren todos os días. A Unión Europea ten que dar unha resposta global a esta situación das persoas migrantes”.

Para a portavoz do BNG en Europa resulta “inadmisible que a UE non afronte esta situación de ausencia total de respecto polos máis elementais dereitos humanos e que non ofreza unha solución global á crise humanitaria que viven miles de persoas que escapan da guerra e que por riba ao chegar a Europa son humillados, denigrados e maltratados”. Ademais denuncia a deportación masiva que quere levar a cabo as autoridades gregas desde Mitilene, na illa de Lesbos a Turquía.

Ana Miranda recoñece que non se trata dun problema grego senón europeo. “É evidente que Grecia por si soa non pode facerse cargo das persoas que chegan as súas costas. Aí é onde ten que actuar Europa”, salienta. “Pero tampouco é de recibo que Grecia incumpra as leis internacionais e Turquía utilice aos refuxiados como moeda de cambio”, engade desde o porto de Mitilene.