
O concello de Ames colaborará, a través do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, nun novo proxecto en Moçambique que terá como destino a Fundação Encontro. Esta fundación leva anos traballando na zona e ten levado a cabo numeroso proxectos para beneficiar ás comunidades da zona.
Nesta ocasión trátase dun proxecto de cooperación internacional que ofrecerá alternativas de lecer a nenas e nenos e mais á mocidade, creando equipos de fútbol e atletismo nos que se incentivará a participación e liderado das rapazas, favorecendo así a equidade de xénero. Tamén se formará en educación para a saúde a un grupo de activistas que promoverán hábitos de vida saudables, co fin de diminuír a vulnerabilidade fronte o consumo de drogas e alcol, enfermidades cardiovasculares ou sida.
A asociación de concellos e deputacións achegará a este proxecto 40.000 euros, orzamentada nun total de 51.524 euros, que se executará nun prazo de dous anos. O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade está integrado por 90 concellos e as deputacións de Pontevedra, A Coruña e Lugo, que concentran a través desta rede os seus esforzos no eido da cooperación ao desenvolvemento.