Alumnado da USC presenta unha nova ollada ao patrimonio cultural de Compostela

Presentouse en Ciencias da Comunicación os resultados da segunda edición do proxecto de innovación educativa “Cara a unha gobernanza participativa do patrimonio cultural material e inmaterial na cidade de Santiago de Compostela”

Procurar unha nova ollada ao patrimonio material e inmaterial de Compostela foi a idea que levou á USC a acoller un proxecto pedagóxico innovador no que participaron máis de 350 estudantes que actúan como voluntarios (coordinados polo Servizo de participación da USC); 14 docentes que imparten 11 materias en catro graos e un dobre grao das Facultades de Comunicación, Filoloxía e Informática, e máis dunha trintena de asociacións e entidades relacionadas coa xestión e uso do patrimonio.

Traballando por equipos o estudantado realizou experiencias tan diferentes como un mapa sonoro da cidade, un podcast cultural sobre os cafés teatro de Compostela, ou un percorrido fotográfico polos barrios. Un exemplo témolo no desenvolvido a través da idea dunha peregrina perdida.

Na presentación dos resultados desta experiencia participou o alcalde de Santiago, Martiño Noriega, quen parabenizou a iniciativa e salientou a proposta que dá a coñecer a outra Compostela que oculta os estereotipos.

A experiencia foi participativa e nela tivo relevancia o sector asociativo veciñal. O presidente da Asociación de Veciños Raigame, José Manuel Durán agradeceu este tipo de iniciativas asegurando que hai unha grande “necesidade dos barrios de facerse visibles” posto que “a catedral ensombrece os micropatrimonios da cidade”. Puxo como exemplo o Ensanche, lugar onde naceu Rosalía de Castro.

Faite socia, faite socio

As socias e socios de Nós Televisión son un piar básico. Desde moi pouco, a túa achega económica pode axudarnos a consolidar este espazo audiovisual libre e en galego