Alicia Valencia pertence ao pobo Nasa e é parte da Asociación de Cabildos Indíxenas do Norte (ACIN), en Colombia. Esta organización é a autoridade tradicional da Çxhab Wala Kiwe, mais tal autoridade é ignorada desde a época colonial ata hoxe, e teñen que defenderse dun continuo expolio e represión.
Aquí podedes ver un documental sobre a historia da Çxhal Wala Kiwe
Tras os acordos de paz entre o goberno e as FARC, a situación para a poboación indíxena non fixo se non empeorar: “hai máis mortos que no propio conflito”.Denuncia tamén que no Cauca aumentaron os grupos armados, a militarización e o nacemento de novos actores que exercen violencia. O estado, sabedor do que acontece, ignora a situación malia a morte de 68 líderes indíxenas nos últimos tempos.
Alicia tamén é parte da Guardia Indígena, unha agrupación civil a través da que defenden a súa propia lingua, a natureza e o territorio do expolio que promoven terratenentes locais e multinacionais: “hai 220 proxectos mineiros que arruinan o noso territorio.” Ademais, foron expulsadas das súas terras e dos lugares sagrados do pobo Nasa, co agravante de que empregaron eses terreos en monocultivo destinado para hidrocarburos que rematarán en Europa e Estados Unidos. Malia que en 2017 acordaron a devolución desas terras co goberno, nada se cumpriu.
Sobre a violencia cara as mulleres, explica que ao facer un observatorio para monitorizar as vítimas do conflito armado, decatáronse do habitual tamén que era a violencia sexual: “o índice era moi alto, traballamos como Guardia Indígena facendo controis polo territorio.” Aínda que tradicionalmente os bastóns de mando da Guardia eran só para homes, Alicia cóntanos que cando viron toda a represión cara eles, os seus irmáns e parellas, as mulleres optaron tamén por coller os bastóns de mando e portar os seus símbolos, a pesar de que iso as convertera en obxectivos para os militares.
“Defensoras de dereitos”
A Deputación de Pontevedra organiza as actividades “Defensoras de Dereitos” da man da Coordinadora Galega de ONGs para o Desenvolvemento, da que forman parte 47 entidades ás que hai asociadas 23.000 persoas.