Hai hoxe exactamente 82 anos, Alexandre Bóveda era asasinado polas tropas franquistas e botado o seu corpo a unha foxa da Caeira, en Poio. Debido fundamentalmente a este feito, o 17 de agosto quedou instaurado como o Día da Galiza Mártir. Porén, o secretario da Fundación Alexandre Bóveda e neto do intelectual, Valentín García Bóveda, considera preciso “institucionalizar” os actos desta data para “render unha maior homenaxe a tódolos mártires galegos”.
“Emprégase a data do seu asasinato polo simbolismo de que o mataron a el e non a sus idearios, mais deben tamén lembrarse os seus méritos”, salienta García Bóveda. Cómpre lembrar que o tamén economista logrou “anticipar o concepto do IRPF de Keynes, facendo unha proposta semellante para Galicia”, explica, engadindo que “o problema das Caixas de Aforros comezou cando el abandonou a dirección da Caixa de Pontevedra”.
García Bóveda salienta que o seu avó “anticipou” o concepto do IRPF de Keynes
Porén, a súa portentosa carreira viuse frustrada tralo golpe de Estado fascista de 1936. Daquela, participara de xeito activo na campaña electoral do Frente Popular, polo que foi acusado de “alta traizón” e fusilado. O seu neto afirma que destacou en “moitas facetas” que hoxe son “descoñecidas” para moita xente. “Que tería logrado de non ser asasinado tan cedo”, pregúntase García Bóveda.
O actual secretario da fundación considera imprescindíbel que dunha vez por todas se revogue a vixencia da sentenza de morte de Bóveda e outras moitas persoas represaliadas. Asemade, salienta que o ideario sobre o que se redactou a Constitución de 1978 non foi “grazas á Transición”, senón que se tratou de ideas “exportadas de 1931”.