O Concello de Lalín instalará na aldea de Vilar do Río un novidoso sistema de depuración de augas residuais ecolóxico e respectuoso co medio ambiente que, en palabras da concelleira de Medio Ambiente, Celia Alonso, “consiste na creación de humedais que depuran as augas residuais a través das plantas que crecen nel”. A nova EDAR permitirá un aforro enerxético do 80% respecto das depuradoras tradicionais.
Este proxecto, que se desenvolverá a mediados do vindeiro ano, será financiado a través dunha achega do Plan de Concellos da Deputación de Pontevedra de 51.955 euros, e beneficiará a máis de 100 veciñas e veciños da aldea lalinense. Outras vantaxes desta EDAR —asegura o goberno municipal— é a “nula xeración de cheiros” e a súa “perfecta integración” na paisaxe, chegando incluso a “converterse nun atractivo” da zona.