Alcoa, o xigante do aluminio con beneficios millonarios

A multinacional que obtivo inmensas cantidades de diñeiro de axudas públicas agora responde con despedimentos colectivos no lugar de realizar inversións nas fábricas afectadas

O fatídico anuncio por parte de Alcoa colleu por sorpresa ás case 400 persoas que traballan na factoría coruñesa.  Despido colectivo ao total da plantilla. Coa decisión xa tomada, desde a multinacional anunciaron que iniciarán agora un “proceso de consultas” coa representación sindical.

En todo caso, a representación sindical reaccionou inmediatamente desbotando os motivos esgrimidos polo xigante do aluminio: a empresa ten beneficios. “Non estamos dacordo pois son causas xeradas ex profeso por parte da empresa para xustificar unha decisión tomada previamente”. Alcoa indica que tanto a fábrica de Avilés como a da Coruña son as menos productivas do grupo debido a “problemas estructurais” malia que as e os traballadores sosteñen que as factorías afectadas son «rendibles e gañan cartos».

- Publicidade -
- Publicidade -
- Publicidade -

Unha medida desproporcionada

A representación sindical ten claro que a empresa presenta agora “excusas” e “cortinas de fume” e que optaron polo despido colectivo antes de realizar inversións nas plantas supostamente ineficientes. Tanto é así que as e os traballadores aseguran que a propia multinacional norteamericana someteu á planta da Coruña a un abandono progresivo. A decisión estaba tomada desde hai moito tempo. 

Cómpre agora preguntarse polos centos de millóns de euros en axudas públicas recibidos por Alcoa pagadas pola cidadanía a través das súas facturas. Axudas que, durante os últimos dez anos, ascenderían a máis de 1.000 millóns de euros. En todo caso, as chantaxes da empresa foron habituais durante os últimos anos: a cada anuncio ou ameaza de Alcoa con despedimentos foi respondido con inminentes subastas de enerxía por parte do Goberno central e que acababan satisfacendo os intereses da empresa.

Unha tarifa eléctrica galega

O debate enerxético volveu agora á actualidade trala decisión de Alcoa e, en especial, a proposta da implantación dunha tarifa eléctrica galega. A medida, segundo os expertos, beneficiaría o conxunto dos sectores produtivos galegos, que reducirían significativamente os custos en enerxía e polo tanto incrementarían a súa marxe de beneficios. Unha tarifa eléctrica galega máis baixa podería beneficiar globalmente a toda a poboación ao reducir o gasto das familias no consumo eléctrico.

Primeira manifestación

As e os traballadores da factoría da Coruña acordaron a convocatoria sunha manifestación para o vindeiro sábado, 20 de outubro. A marcha partirá da praza da Palloza ás 11 da mañá e rematará na Delegación do Goberno.

- Publicidade -
- Publicidade -
- Publicidade -