Home Programas Área Compostela “Aínda hoxe seguimos sen coñecer de nós”

“Aínda hoxe seguimos sen coñecer de nós”

0
“Aínda hoxe seguimos sen coñecer de nós”

Galiza é país de deseñadores e deseñadoras. Que llo digan a Eladino Cabanelas que no 2012 decidiu crear OZOCOgz, un dos proxectos máis interesantes na actualidade que tenta subir a autoestima galega a base de ideas. A última un xogo de mesa para coñecermos mellor a nosa terra.

Xa tardaba un xogo de mesa coas características de “Ti non es de aquí?”. Como xurdiu esta iniciativa e que proceso seguiches para levalo adiante?

A idea xa había tempo que me andaba a roer na cabeza, son moi afeccionado aos xogos de mesa e eu mesmo botaba de menos máis oferta neste senso na nosa lingua. Agás algúns exemplos moi loábeis, mais con fórmulas ou mecánicas de xogo moi semellantes ás existentes, ou algún que outro intento por parte dalgún medio escrito, que estaban en español, non existía nada que puidese unir o tempo de lecer coa adquisición de coñecementos sobre o noso País.

De aí, e do interese persoal en apostar, dende a vertente da papelaría de OZOCOgz, por sacar ao mercado cousas innovadoras, xurdiu a necesidade de dar forma a un xogo de mesa, en galego e, exclusivamente, sobre Galiza. O demais xa foi o puro traballo, idear unha mecánica que for divertida e, ao tempo, educativa, darlle forma tamén a un deseño atractivo que axudase a visualizalo, por exemplo, no escaparate dunha libraría e, por último, e o máis complexo, elaborar as tarxetas-pregunta. Este quizais for o proceso máis difícil, foron moitas horas, por non dicir meses, de documentación e consulta con expertos ou expertas en moitas das materias, até chegar ao final ás 875 tarxetiñas que compoñen o “Ti non es de aquí?”.

Combina a parte educativa coa lúdica. Fan falta máis propostas deste tipo no país?

Si, claro que si. Son fundamentais se queremos conseguir unha certa normalidade como País, como Nación; dunha banda por que o tempo de lecer, quizais sexa un dos que está máis españolizado, por non falar xa doutras linguas que pasiño a pasiño van atopando o seu lugar na mocidade, e non debería ser así. Son escasos aínda os exemplos que temos en galego. Imos avanzando, por exemplo no eido do audiovisual, hai unha gran oferta en canto a música e literatura mais boto en falla máis banda deseñada, xogos e xoguetes para crianzas ou que os videoxogos, de non habelos feitos en Galiza que teñan, cando menos, a opción de xogalos na nosa lingua. Nós, cando sacamos este xogo, tiñamos claro que había que vendelo baixo unha premisa fundamental, a de axudar a galeguizar, a normalizar na nosa lingua o tempo de lecer.

Boto en falla (…) que os videoxogos, de non habelos feitos en Galiza que teñan, cando menos, a opción de xogalos na nosa lingua

Cres que hai descoñecemento sobre o que poderiamos denominar “cultura xeral galega”?

Por desgraza si. Foron moitos séculos de negación da nosa cultura e da nosa historia; anos de facernos asimilar a cultura xeral española como se for a nosa propia. Anos nos que a nosa propia lingua era considerada dialecto da lingua española e isto, queiras ou non, vai penetrando no subconsciente até facernos avergoñar mesmamente do noso sotaque ao falar.

Aínda hoxe, após décadas cun estatuto de autonomía que se supuña debería axudar a paliar este tempo de negación, seguimos sen coñecer de nós. A xente pode falarche da vida de Felipe II e non sabe que o primeiro reino de Europa foi o galego, ou sabe situar nun mapa, ás cegas, o río Ebro, máis igual non sabe onde está o Limia; vemos nos documentais da televisión española “nutrias”, “golondrinas” ou “ardillas”, por poñer exemplos moi doados, sen saber, quizais, que tamén existen na Galiza mais chamándose lontras, andoriñas e esquíos. É triste mais é así e haberá, cada quen dende o campo que lle corresponda, que arrimar o ombreiro para mudar a situación.

Seguiremos facendo que ao lado do lecer estea sempre unha labor divulgativa da nosa cultura

Desde OZOCOgz non para a maquinaria creativa. Teremos oportunidade de ver máis propostas como esta nun futuro?

Si, por suposto, este foi un primeiro paso, podemos dicir que o “Ti non es de aquí?” nos serviu para constatar que este tipo de entretemento social podía funcionar tamén en galego, que tiña mercado.

Para o futuro xa estamos a traballar en varios produtos desta liña, tanto para adultos como para crianzas, iso si, seguiremos facendo que ao lado do lecer estea sempre unha labor divulgativa da nosa cultura, daqueles aspectos que, dun ou doutro xeito, por moito que moitas e moitos se empeñen en negalo, fan que sexamos únicos no mundo, nin mellores, nin peores, simplemente diferentes e únicos.