Obras na Serra do Oribio. Imaxe: ADEGA.

Hai uns días cumpríronse dous anos da publicación no DOG do proxecto Touro, en pleno agosto de 2017. “É normal que nestas datas publiquen proxectos e normativas prexudiciais para que pasen desapercibidas e non dea tempo a informarnos, organizar oposición e para que se nos pasen parte ou a totalidade dos prazos para alegar”, explicaba Marga Prieto, da rede Contraminacción.

O 28 de xullo dese mesmo ano, o Grupo Parlamentario Popular presentaba polo trámite de urxencia a a proposición de lei da chamada ‘Lei Depredación’, que sería finalmente aprobada en outubro. Máis exemplos: a finais de xullo de 2018, publicábase no DOG o Plan Básico Autonómico (PBA), que supoñía a perda de especial protección como espazos naturais en solo rústico para miles de hectáreas de chan natural galego que figuraban no Rexistro Xeral de Espazos Naturais de Galicia.

Este ano tamén temos varios exemplos: O pasado 8 de agosto, a Xunta informou á plataforma contra a planta de residuos de Casalonga da aprobación do plan de labores de Toysal e do baleirado da lagoa, ao tempo que impedía a súa participación no proceso “por non ter lexitimidade”.

Imaxe: ADEGA.

O caso da Serra do Oribio

O 14 de agosto facíase público no DOG a resolución do Dirección Xeral de Enerxía e Minas, polo que se aprobaba a modificación do proxecto sectorial de incidencia supramunicipal do parque eólico do Oribio. Cinco días despois o DOG publicaba as expropiacións forzosas -baixo a Lei de Expropiación forzosa de 1954- que afectan aos Montes Veciñais en Man Común de Ramil e de Triacastela e a varias particulares.

En febreiro, a Dirección Xeral de Enerxía e Minas do imputado Tahoces, decretou a autorización desa liña eléctrica e a declaración de utilidade pública que permite a expropiación, mais a ASC O Iríbio presentou un recurso, polo que ata que o tribunal emita unha sentencia non se poderán efectuar as expropiacións.

Contra a liña de alta tensión deste eólico denunciaron os últimos días ADEGA e a Sociedade Galega de Ornitoloxía, presentando unha solicitude de lesividade e a suspensión das obras. Os argumentos son unha vulneración da normativa que prohibe a construción de parques eólicos na Rede Natura 2000, a omisión de deber de conservar unha especie en perigo de extinción (o oso pardo) e outras que son obxecto de medidas activas de conservación. Ademais, denuncian unha manobra da administración para ‘suavizar’ os proxectos que afectan á zona (Serra das Penas, Paradela e Serra do Oribio): “Estase fragmentando de forma inadecuada un proxecto para evitar a súa avaliación en toda a súa extensión e impedindo a avaliación dos efectos acumulativos e sinérxicos.”

 

Serra do Iribio. Imaxe: turismo.gal

 

Denuncian tamén que a Declaración de Impacto Ambiental do proxecto é “fraudulenta e obsoleta” e as afectacións ao Camiño Francés, ao Camiño Real e de Arrieiros e de perigar a candidatura da Ribeira Sacra a ser Patrimonio da Humanidade. Nesta liña se pronunciou Stop Eólicos, que enviou un informe á UNESCO alertando da ameaza a Ribeira Sacra, O Courel e á Serra do Oribio.

- Publicidade -