Non se pode falar de xornalismo galego contemporáneo sen nomear a Afonso Eiré. Viviu un dos momentos máis convulsos da nosa historia recente desde a redacción de A Nosa Terra, o medio en galego máis crítico co poder na Galiza de Fraga. Agora, desde as redes sociais e a cabeceira dixital segue a debullar os seus “pensamentos na sauna” sobre a actualidade galega.
Nestes anos aumentaches a túa produción literaria. Nos teus últimos libros recuperas experiencias propias que transmites cun valor emocional intenso que transmite a importancia deste mundo en constante mudanza. No caso de “Memorias dunha vaca marela” a propia protagonista é un símbolo que reivindicas. A vaca é tamén un símbolo de futuro no noso país?
Si, Castelao xa a poñía como o símbolo de Galiza a nosa vaca, pero non daquel presente, senón do futuro da nación galega liberada. Desde aquelas, evidentemente, mudaron moitas cousas, pero o potencial do agro galego non debería ter minguado, aínda que si o fixo.
E non por culpa das xentes da ruralía, senón polas políticas que nos impuxeron e que nos obrigaron a uns cambios a marchas forzadas, non só para os que non estabamos preparados, senón que non se sustentaban na nosa tradición, nos nosos costumes e, o que é peor, nas nosas necesidades e potencialidades. Impúxoos a UE coa súas políticas, que aquí xestionaron tanto o goberno central como a Xunta. Os dous sempre alleantes.
Desde a entrada na UE, ningún país europeo tivo unhas transformacións tan fortes e profundas como o rural galego. Non só nas explotacións agrícolas, senón no xeito de vida… E fomos quen de adaptarnos. Se alguén quere comprobalo que compare as casas das aldeasde agora coas de antes.
Castelao xa a poñía como o símbolo de Galiza a nosa vaca
Agora estamos nunha nova evolución no agro que vai amodiño e que era a que debíamos comezar a facer hai trinta ou corenta anos. Estamos abandonando o monocultivo do leite, estamos a apostar polas razas autóctonas, pola carne, polos pastos e tamén pola transformación dos nosos produtos.
O problema é que non temos gobernos non xa que impulsen estas transformacións, senón que nos acompañen. Cando a UE impoña outro tipo de explotacións agrarias, como que as vacas teñen que estar nos prados polo menos medio ano, que o está facendo, non nos pode atopar desleixados.
Hai uns días afirmabas que unha das principais causas que impediron “o medre da idea nacionalista e a súa translación electoral foi a ausencia de medios de comunicación potentes, tanto públicos coma privados, que emitan as súas mensaxes en clave de país”. Pola túa experiencia, porque non chegamos a contar con eles a estas alturas?
Galiza foi a comunidade onde menos mudou o mapa mediático logo da caída do franquismo. Non só permaneceron as mesmas cabeceiras, coa mesma distribución territorial, senón que, no fondo, mandaban nelas as mesmas familias que o facían xa no 1936. Daquelas, cun gurgullar de medios, as que non eran afectas, foron eliminadas.
Non ocorreu o mesmo noutras partes do Estado.
A autonomía, que en Euskadi e Cataluña serviu para modificar substancialmente ese mapa dos medios de comunicación, o que fixo en Galiza foi, precisamente, non só apuntalalos cos créditos, axudas e prebendas, para que nada se modificase, senón impedir o nacemento doutros novos.
Nos medios audiovisuais premiouse aos existentes nuns repartos que deixaron moito que desexar, pero, o peor é que ninguén cumpre os requisitos das concesións, os pregos de condicións, e non pasa nada. Nin os partidos, nin os sindicatos o denuncian porque teñen medo a statu quo existente.
Cando A Nosa Terra se preparaba para ser diario foi o propio Xosé María Aznar quen o botou abaixo
Por outra banda, eses medios, esas cabeceiras históricas, premeron sempre para que non puidesen existir a competencia. Viuse claramente o que pasou co Xornal de Galiza.
Sufrino nas propias carnes cando A Nosa Terra se preparaba para ser diario e foi o propio Xosé María Aznar quen o botou abaixo.
Pero o maior problema, contrariamente a outras comunidades, é que os medios galegos non é que non xoguen a facer país, senón que non defenden os intereses de Galiza. E é así desde o seu nacemento, pois, ligados a unha burguesía con intereses en Madrid, tiñan como unha das súas misións alentar a emigración.
Poño un exemplo do facer dos donos dos xornais. Emilio Rey, propietario de La Voz de Galicia, sempre se pavonaba de que el fora quen realmente lle vendera a Amancio ao Real Madrid.
Por outra banda, os medios públicos, reféns dalgún xeito das grandes cabeceiras privadas, e miméticos, tampouco nunca operaron en clave de País, pois Galiza sempre estivo gobernada por partidos estatais. E nisto pouco se diferencia o PSOE do PP.
Logo está o papel das caixas, que tiveron nun tempo o control financeiro de todos os medios, e tampouco quixeron operar con sentido de País. Elas podían ter trocado esa histórica traxectoria paifoca dos nosos medios. Cando La Voz de Galicia tentou dar un xiro, cos fillos de Santiago Rey ao timón, foi Caixa Galicia e o coruñesismo os que conseguiron afastalos.
Tamén desde ese mesmo medio comentas o libro “El Director” de David Jimenez coas interioridades do prensa española co poder. Rematas o artigo afirmando que na Galiza aínda é peor. Cóntanos. Que relación ten a prensa galega co poder (político, económico,..)? Mudou desde a chegada de Feijóo ao poder?
En parte a pregunta xa está contestada na anterior. Pero imos as especificidades. A primeira que a maioría dos medios de comunicación tradicionais en Galiza están en mans de familias, o que xa é unha singularidade e lles dá un xeito de funcionar moi supeditado ao poder tradicional.
A outra especificidade foi a súa dependencia das Caixas, que, dun xeito ou doutro, salvaron a todos os medios nas épocas de crise, acudindo a chamada da Xunta, ou afundiron a outros, como A Nosa Terra, facéndolle caso tamén aos designios do novo goberno.
Por outra banda, en Galiza non se da, como noutras partes, sobre todo en Cataluña ou Euskadi, unha mobilidade dos xornalistas duns medios a outros, quedando os despedidos ou vítimas dos Eres marxinados ou anulados profesionalmente. Perdeuse así, nestes últimos anos, un grande capital humano e, aos que quedan, atenázaos o medo, pois saben que se son despedidos non van atopar traballo.
Fala Jimenez de medios creados ex profeso para as chantaxes (…) en Galiza esa chantaxe a exercían algúns directores (…) con empresas propias
Por outra parte, existiron vicios no xornalismo galego que noutros lados non serían tolerados. Fala Jimenez de medios creados ex profeso para as chantaxes, cando en Galiza esa chantaxe a exercían algúns directores, e altos cargos da prensa tradicional, con empresas propias… Os cartos non ían para os medios, senón para eles…
En canto a Feixó, segue a ruta que comezou Xosé Luís Barreiro, pero na seu equipo non ten a sapiencia dun Pérez Varela, nin a ética de Afonso Cabaleiro, senón persoas ás que alguén dentro do PP denominou como “profundamente amorais”. É así se comportan, seguindo o Camiño opusdeista de Romay Beccaría.
Segues a actualidade política e podemos ver as túas opinións na web de A Nosa Terra e nas redes sociais. Logo das eleccións Xerais coa non consecución de representación de partidos galegos no Congreso volveu a moverse nas redes sociais a idea de que haxa “unidade” no nacionalismo. Sería posible? Como?
Iso da unidade do nacionalismo galego é unha sempiterna teima posta en circulación por certas persoas. Unhas por quedar descolocadas no panorama político. Outras porque sempre quixeron mandar e mangonear sen se implicar na militancia, e outras máis, por un complexo de inferioridade, ou colonialismo, que sempre ollan en Galiza defectos que non lle ven aos demais. Moitas das que piden sempre unidade, son aquelas que, precisamente se apuntan sempre e de primeiras as rupturas.
O nacionalismo galego non está menos unido co vasco ou o catalán. As divisións no nacionalismo catalán e as súas alternancias son paradigmáticas.
A diferencia é que, o nacionalismo burgués, inexistente na Galiza, de Euskadi e Cataluña xa pactou antes da chamada Transición coa burguesía española e non só lle concederon a recuperación dos Estatutos antes de aprobar a propia Constitución, senón que tamén instauraron a presidencia dos seus respectivos gobernos. Logo, mediante pactos, permitíronlles ostentar os respectivos gobernos autonómicos.
Galiza tivo que montar o seu estatuto loitando contra Madrid e contra os líos internos da UCD.
Felipe González lle regalou a Fraga (o escano) para que acadase a maioría absoluta en Galiza e desbancar a González Laxe e aos nacionalistas da Xunta
En Madrid, tanto a dereita coma o PSOE, fixeron todo o posíbel para que Galiza non contase cun verdadeiro goberno propio. Teño moitos datos sobre a UCD, pero tamén sobre o PSOE: por exemplo o escano de Ourense que Felipe González lle regalou a Fraga para que acadase a maioría absoluta en Galiza e desbancar a González Laxe e aos nacionalistas da Xunta.
Polo demais, aí está a aposta do Piñeirismo, que preferiu impedir o relanzamento do Partido Galeguista, a ruptura do PSG e o ostigamento ao Bloque, apostando por colocar aos seus membros destacados tanto en AP coma no PSOE.
A xogada de Realidade Galega, con cartos da CIA (aí están as declaracións que me fixo no seu día Sixto Seco) saíulles ben. Puxeron a Albor de Presidente, a Piñeiro no PSOE, controlando a cultura, desde o creado ad hoc Consello da Cultura Galega, e, logo, a González Laxe tamén na presidencia da Xunta. E para que serviron…? Logo apostaron por apoiar a Fraga e convertelo en galeguista.