Home Espazo Aberto Medio ambiente Aeroxeradores no canto de vacas: “Pan para hoxe e fame para mañá”

Aeroxeradores no canto de vacas: “Pan para hoxe e fame para mañá”

0
Aeroxeradores no canto de vacas: “Pan para hoxe e fame para mañá”

Nos últimos tempos non deixan de xurdir proxectos de parques eólicos para Galicia: na Ribeira Sacra, no Courel, no Iribio, no centro do país… En febreiro, a Asociación Eólica de Galicia estimaba en 5.000 millóns de euros a inversión entre 2020 e 2030. Tamén apelaba por un marco regulatorio “estable en aras de lograr unha visibilidade a longo prazo que xere confianza nos inversores á hora de tomar decisións industriais.”

En paralelo, as  organizacións dos veciños e veciñas para facerlles fronte. Unha das últimas é a da veciñanza da parroquia de Santa Cruz de Campolongo (Negreira) en contra do proxecto da empresa Green Capital Power SL, do ex-xenro de Florentino Pérez e controlada por Capital Energy. Para xestionar os novos proxectos, constitúen as sociedades Maragouto Energy, Troitomil Energy, Alvite Energy y Turubelo Energy e Banzas Wind Energy, con sede social no Milladoiro e que xestionan un proxecto que afecta a Negreira, Outes e Mazaricos.

Nun manifesto, a veciñanza denuncia que “a superficie que se pretende ocupar utilízase con fins agrícolas, gandeiros, forestais e mesmo turísticos. Santa Cruz de Campolongo é unha parroquia na que a maior parte dos veciños viven da agricultura e a gandeiría, e na que hai moitas granxas de vacas.”

Desde o Sindicato Labrego Galego advirten: “A imaxe das vacas pastando nos eólicos é moi bucólica pero na práctica as vacas de produción leiteira sofren polos ruídos e non producen igual.” O manifesto dos veciños tamén  alertan das afectacións na súa alimentación e produción, “puidendo chegar a sufrir abortos e problemas de xestación.” Desde o SLG tamén sinalan as afectacións nas superficies nos propios terreos derivadas das infraestructuras como canalizacións eléctricas, viais, zapatas que tamén afectan ás augas: “O ciclo desas augas afecta ás colleitas e ao aproveitamento agrario.”

Na zona hai en pé varios parques eólicos: Corzán en Negreira: Currás, Outes e A Cuña en Mazaricos e Paxareiras II en Mazaricos e Carnota.

A asociación veciñal de Negreira pregúntase: “Por que teñen que invadir as nosas terras? Dá igual a calidade de vida dos veciños e os medios dos que viven?” E conclúen: “Non existe prevalencia da explotación enerxética da instalación sobre a utilidade pública e interese social.” En definitiva, “pan para hoxe e fame para mañá.”

Tamén coa minería: o caso de Frades e Mesía

O venres 30, a Xunta volvía publicar no DOG a aprobación definitiva dun proxecto extractivista, desta vez de seixo e a unha empresa noruega (ERIMSA) de capital chinés. Os veciños rexeitábana polo especial interese agrario das zonas afectadas, “concellos con máis vacas que habitantes.” Podes ler aquí o artigo sobre o caso de Frades e Mesía