Co gallo do Día Mundial da Loita contra a Desertificación do Solo, ADEGA pide “medidas urxentes e efectivas” no caso galego. No noso territorio pérdese cada ano 14,5 toneladas por hectárea de solo debido a procesos erosivos segundo o Inventario Nacional de Erosión de Solos. Esta superficie computa un total de 41.695.509 toneladas de solo erasionadas anualmente en Galicia.
A súa vez, ante o actual contexto de cambio climático, o 12 por cento do territorio galego sofre risco de desertificación causado por estes procesos erosivos. Os incendios forestais, os monocultivos, a agricultura e a gandería intensiva, as explotacións domésticas, o urbanismo e a ocupación do litoral, a minaría e, en xeral, os cambios nos usos de solo, provocan a perda da cobertura vexetal. Estas actuacións, unidas aos períodos de grandes secas e o cambio climático incentivan a erosión e a desertificación que se converten nun problema medioambiental de primeira magnitude en Galicia. Par ADEGA, as principais accións a levar a cabo deberían ser a conservación do bosque autóctono e a loita contra os incendios forestais.