Home Programas Espazo Aberto Adega denuncia o “fracaso” do Cumio do Clima e pide “poñer a vida no centro”

Adega denuncia o “fracaso” do Cumio do Clima e pide “poñer a vida no centro”

0
Adega denuncia o “fracaso” do Cumio do Clima e pide “poñer a vida no centro”

“A COP25, un novo fracaso na loita contra o Cambio Climático”. Baixo este título, Adega expresa a súa disconformidade con respecto á vixésimoquinta Conferencia das Partes (COP, coas súas siglas en inglés) que constitúe o órgano supremo de toma de decisións na loita contra o cambio climático segundo a Convención Marco das Nacións Unidas sobre Cambio Climático.

Esta COP25, presidida por Chile e con sede en Madrid, supuña un “novo reto” por ser a última COP antes da entrada en vigor do Acordo de París do 2015 no 2020. Pola contra, apenas se chegaron a acordos e temas de vital importancia como a redución de emisións ou o equilibrio ecosistémico quedaron fóra do encontro. A isto, cómpre sumarlle a retirada dos Estados Unidos do Acordo de París. O cumio pechouse tamén coa falta de acordo por parte da UE para determinar unha estratexia común europea de emisións cero para 2050 debido a negativa de Polonia, país cunha forte industria enerxética baseada no carbón.

“Desde Adega lamentamos este novo fracaso das Partes e das elites para adoptar acordos firmes ante a situación actual de emerxencia climática e social consecuencia directa do poder destrutivo que ten o sistema capitalista. Un novo fracaso na toma de compromisos que dilatará os tempos e atrasará en anos as medidas que os países membros terían que ter xa adoptado neste encontro co fin de poñer freo ao Cambio Climático. Pola contra celebramos a aprobación do PAX -unha folla de ruta que permitirá garantir a igualdade de xénero de xeito transversal- e o non acordo referente ao mercado do carbono polas desigualades que este sistema de compravenda provoca nos países do Sur global”.

Empresas e sociedade civil

Ademais dos estados membros, nas COPs están presentes nas mesas de diálogo sectores da sociedade civil, como organizacións non gobernamentais e empresas. “Con estes últimos, permítese a entrada na COP ás multinacionais que constitúen as grandes poluíntes e que empregan estes eventos como unha estratexia de ‘greenwhasing’ para lavar a súa imaxe, como é o caso de Endesa, a maior empresa contaminante do estado español”, denuncian dende a organización ecoloxista.

“A sociedade civil mobilizada e o ecoloxismo social mostrou unha vez máis a súa capacidade de autoorganización e de transformación mediante a realización do Cumio Social polo Clima, un espazo de encontro de loitas compartidas e sinerxías que se desenvolveu paralelo á COP25. Este cumio contou coa adhesión de máis de 920 organizacións, entre elas a de ADEGA, e nel participaron máis de 15.000 persoas vindas de todo o mundo nas máis de 350 actividades realizadas. Durante o cumio social quedou máis que clara a necesidade de tecer redes ante a actual crise climática, ecolóxica e social que estamos a vivir produto do desigual sistema capitalista”.