
A crise enerxética continúa envolvendo á industria galega que, ano tras anos, perde postos de traballo. Un dos últimos exemplos é o conflicto que atravesa a planta de San Cibrao de Alcoa no que solicitan un abaratamento da enerxía para poder continuar coa actividade produtiva. Ante este conflicto, a organización ADEGA enviou un comunicado á prensa advertindo dun dos intereses de Alcoa nesta cuestión: a contaminación.
Alcoa presentou na Xunta a documentación para anovar a Autorización Ambiental Integrada (AAI) das súas fatorías en San Cibrao. A anterior AAI fora en 2006, renovada en 2013 e modificada de oficio en 2017 “para ampliar o caudal e os límites de contaminantes nas verteduras” ata o 2020 segundo denuncia ADEGA que analizou a documentación presentada.
“Alcoa pídelle á Xunta que lle conceda unha excepción para que lle autoricen emisións de flúor e partículas máis altas”
Entre os documentos, destacan as “enormes” cifras dos consumos e das emisións detalladas por Alcoa. “O complexo no seu conxunto consome máis de 3.700 GW/a (xigawatios/ano) de electricidade, e por riba dos 6 millóns de m3 de auga. Emite anualmente uns 7,5 millóns de m3 de efluentes que van parar ao mar, así como compostos gaseosos á atmosfera”, indican. No que atinxe ás emisións á atmosfera, a empresa recoñece que nalgúns procesos supera os límites de emisión para o flúor e as partículas por factores moi altos, e que noutros non efectúa controis.
Con isto sobre a mesa, Alcoa pídelle á Xunta que lle conceda unha excepción para que lle autoricen emisións de flúor e partículas máis altas segundo denuncia Adega. “A xustificación da empresa é que non lle saen as contas: adoptar melloras técnicas obrigaría a custosos investimentos e suprimir o proceso contaminante deixaría na rúa a 35 persoas. Ante esta disxuntiva, ALCOA avisa: continuar como até o de agora implicaría o peche da planta de fabricación de aluminio primario, o que suporía o despedimento de 580 persoas”.
Lamas vermellas
Adega tamén denuncia a balsa de lamas vermellas, “unha espada de Damocles sobre a Mariña”, á que lle queda moi pouca vida útil. Pregúntanse que vai suceder con esta instalación despois da clausura da planta e lembra que as balsas de residuos mineiros e industriais constitúen un dos principais pasivos ambientais e sociais destes complexos: casos como os de Aznalcóllar (1998) ou o máis recente de Hungría (2010), no que as persas derivadas do accidente foron estimadas polo goberno húngaro en 200 millóns de euros, alén de 10 persoas mortas e 125 feridas.
Peticións de Adega
Con isto, Adega pídelle a Xunta que antepoña a saúde ambiental e cidadá e non ceda ás pretensións e ALCOA de seguir superando os límites de contaminantes. “A Xunta debería tamén esixir da empresa que os seguros de responsabilidade civil e medioambiental cubran todos os previsibles danos derivados do pior accidente posíbel, tomando como referenza os custos das recentes catástrofes industriais e mineiras”.