Home Programas Espazo Aberto ADEGA denuncia a “deriva privatizadora” da Lei de Pesca Continental que prepara a Xunta

ADEGA denuncia a “deriva privatizadora” da Lei de Pesca Continental que prepara a Xunta

0
ADEGA denuncia a “deriva privatizadora” da Lei de Pesca Continental que prepara a Xunta

A Xunta leva meses traballando no anteproxecto de Lei de Pesca Continental coa que busca substituir a norma vixente dende 1992. A norma ten como finalidade ordenar a pesca incluíndo a conservación dos escosistemas acuáticos para garantir a sustentabilidade do recurso, algo que segundo a organización ecoloxista ADEGA non se está realizando. “Este enfoque transversal que defendemos e que considera aos ecosistemas acuáticos como algo máis que fornecedores de capturas, está ausente do actual anteproxecto”, sinala o colectivo nun comunicado. ADEGA critica que o anteproxecto da Xunta amose a pesca como unha actividade de lecer deixando esquecida a sustentabilidade do recurso. “A este respecto, este anteproxecto é menos ambicioso que a norma de 1992 aínda vixente”.

Outra das principais críticas de ADEGA con respecto á normativa que prepara o Goberno galego é a introdución dun novo tipo de augas de pesca, denomidadas “de aproveitamento privado”. Nestas concesións de pesca intensiva, a Xunta cederá na práctica aos titulares a xestión total destes treitos coa condición de que adopten medidas para “impedir a comunicación cos leitos naturais”, e eximindo aos usuarios da preceitiva licenza de pesca. ADEGA pide suprimir esta figura que consideran unha “deriva privatizadora”. “Albiscamos unha clara intención de converter a pesca nas augas continentais galegas nun elemento máis de atracción turística e de negocio“, sentencia a organización ecoloxista que xa presentou as súas respectivas alegacións á norma.