O alcalde, Martiño Noriega, reuniuse este mediodía en Madrid coa directora xeral de ACUAES, Rosa Cobo, para avanzar no proxecto de construción da nova EDAR da Silvouta. Na xuntanza acordouse que a actuación será sometida a un procedemento de diálogo competitivo, tal e como propoñía o Concello de Santiago.
Na reunión celebrada esta mañá na sede de ACUAES participaron o alcalde, Martiño Noriega; a directora xeral de ACUAES, Rosa Cobo, o director de Proxectos e Contratación de ACUAES, Jerónimo Moreno, e o xefe de Gabinete da Alcaldía de Santiago, Miguel Penas. O obxectivo da xuntanza era avanzar para a subscrición dun convenio para a redacción do proxecto, co obxectivo de que as obras se inicien á maior celeridade posible.
Diálogo competitivo
ACUAES confirmou que está previsto que a construción da nova depuradora da Silvouta sexa cofinanciada polo Fondo Europeo
Durante o encontro, acordouse que a actuación sexa sometida a un procedemento de diálogo competitivo. Trátase dun procedemento de adxudicación do Sector Público que consiste na dirección dun diálogo por parte de ACUAES cos licitadores que resulten seleccionados, co obxectivo de desenvolver unha ou varias solucións innovadoras susceptibles de satisfacer as necesidades do proxecto para a construción da nova EDAR da Silvouta.
O primeiro paso neste procedemento será a elaboración dun documento descritivo que sente as bases do contrato e que coa súa publicación permita a presentación de diferentes propostas. Entre elas serán seleccionadas varias coas que desenvolver o diálogo competitivo.
Os días dan para moito.Tamén para desactivar a todos aqueles que confunden facerlle oposición ao goberno municipal con facerlle oposición á cidade.
Hoxe reuninme coa D.X de @AcuaEsSA para avanzar no proxecto de construción da nova #EDAR da Silvouta.
Aquí a súa nota ?? pic.twitter.com/E5B0isCVdH— Martiño Noriega (@martinhonoriega) January 24, 2019
Tras a reunión, ACUAES confirmou que está previsto que a construción da nova depuradora da Silvouta sexa cofinanciada polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional FEDER 2014-2020, dentro do Programa Operativo Plurirrexional de España.
Confirmación definitiva da localización na Silvouta
A reunión de hoxe confirma definitivamente, e tal e como xa adiantara o Ministerio para a Transición Ecolóxica, que a nova EDAR de Santiago estará localizada na Silvouta, nos terreos que ocupa a actual depuradora. Esta opción foi formulada polo Goberno local despois de que o Pleno da Corporación rexeitara a sinatura do convenio para a construción da EDAR no Souto, en marzo de 2018.
A localización da EDAR na Silvouta terá un menor impacto ambiental e un menor custo económico. Ademais, a depuradora poderíase construír en fases sen afectar ao funcionamento da actual, de xeito que o proxecto podería ser confianciado con fondos europeos. O Ministerio para a Transición Ecolóxica achegará o 60 por cento do custo total da infraestrutura, o Concello financiará un 20 por cento e a Xunta ten comprometido o 20 por cento restante.