Logo dunha semana permanecendo á marxe das numerosas críticas vertidas dende o PSdeG, o BNG e o PP, Martiño Noriega sae en defensa da xestión do seu grupo de Goberno durante as negociacións do convenio da EDAR. O alcalde asegura que actuou en todo momento “con responsabilidade” e que non atopou ningunha predisposición dende a Xunta e o Goberno central para modificar un convenio “moi prexudicial” para a cidade. Ese foi o motivo, asegura, para que decidise presentar no Pleno deste xoves unha moción que inste aos demais grupos a expor a súa posición acerca do convenio. Noriega defende que, malia as críticas da oposición, é un asunto de “competencia plenaria”.
Noriega lamenta o “peche de filas” da oposición
O rexedor foi moi crítico no seu discurso cos voceiros da oposición, que nas últimas datas acusaron a “cobardía política” e mesmo a “inutilidade” do goberno de Compostela Aberta. Noriega lamentou o “peche de filas” en torno ás “críticas políticas” sen ter en conta a “enorme dificultade” das negociacións do convenio da depuradora, e lembrou que tódolos grupos do Concello comparten responsabilidades, xa que “o voceiro do PP foi conselleiro de Medio Ambiente e alcalde non electo” e PSdeG e BNG tomaron decisións acerca da EDAR “durante o goberno do bipartito”.
Con estas condicións non podemos asinar o convenio
Asemade, o alcalde lembrou que os principais motivos polos que non acepta as condicións actuais do convenio do Souto son a falta de seguridade xurídica e a “desmesurada” achega que se lle pide ao Concello de Santiago, que tería que aportar un 20% do custo total e cubrir todo incremento que se producise a partes iguais coa Xunta. Noriega é contundente: con estas circunstancias non se pode asinar o convenio. O seguinte paso, indica, debera ser acadar unha posición “unánime” de toda a corporación municipal para volver negociar con Madrid dende unha postura que amose a “unidade” de toda a cidade.