A tradición mesturada coa innovación. Esa é a principal característica que define a primeira publicación da Escola de Música Popular Avanzada do centro de ensino aCentral Folque. O disco EMPA #01 contén cinco temas tradicionais, interpretados cun toque de modernidade e anovamento. Tódolos temas foron gravados polo propio estudantado do Curso Maxistral da escola baixo a dirección dos mestres Alejandro Vargas, Javier María e Pablo Pérez.
Concerto de presentación
O domingo 26 ás 20.00 horas celebrarase no SCQ Café un concerto de presentación, no que o propio alumnado intepretará os temas do disco, que xa está dispoñible nas plataformas iTunes, Amazon, Google Play e Spotify. Os impulsores deste proxecto confían en que teña unha boa acollida ao tratarse dun produto diferente e innovador.
A obra xorde como froito de dous anos de intenso traballo. Os organizadores coidan que esta sexa a primeira entrega dunha longa colección de periodicidade anual.