A distribución de axudas do concello de Santiago ás actividades culturais mudou estes anos. Branca Novoneyra, concelleira de Acción Cultural, deu a coñecer en rolda de prensa a distribución do apoio económico que contou con dúas liñas: unha para o sector profesional, con 100 mil euros, e outra para o sector de entidades sen ánimo de lucro, con 50 mil euros.

Novoneyra: “Cando chegamos había 20 convenios nominativos, agora hai 8”
Un total de 36 entidades, 14 delas profesionais e outras 22 sen ánimo de lucro, vanse beneficiar da convocatoria aberta de axudas de apoio a procesos e actividades culturais impulsadas pola Concellaría de Acción Cultural. En total, repartiranse 150.000 euros. A propia Novoneyra informou do paso dos convenios nominativos a este tipo de axudas en réxime competitivo. “Cando chegamos había 20 convenios nominativos, agora hai 8”, indicou.
Os 36 beneficiarios deste novo sistema, 14 delas profesionais e outras 22 sen ánimo de lucro, recibirán ata o 80% do custo da actividade subvencionable. A edil considera que é a ferramenta de cambio no sector cultural máis grande do mandato. Este modelo, segundo Novoneya, podería mudar o tecido cultural da cidade en cinco anos.