A Igrexa da Universidade de Santiago acolle ata o vindeiro 16 de marzo unha mostra con todo o material xerado arredor do Nunca Máis.
No marco das protestas pola xestión do accidente do Prestige e a marea negra que lle seguiu, axentes do mundo das artes e a cultura formaron en novembro de 2002 a Plataforma contra a Burla Negra. Esta iniciativa contribuíu á mobilización social cunha produción inxente de materiais que se espallaron por diversos medios: carteis, folletos, revistas, camisetas, chapas, audiovisuais, etc., e apostou pola implicación en accións colectivas nas que a creatividade se puña ao servizo dunha causa. Todos eses fondos documentais móstranse agora na exposición ‘Unha gran Burla Negra. Arquivo vivo’
A exposición, comisariada por Daniel L. Abel e Miguel Anxo Rodríguez, é unha das actividades integradas no proxecto ‘Unha gran Burla Negra. Creatividade popular e memoria do Prestige [2002-2019]’, que están a ser desenvolvidas pola Asociación Cultural Unha Gran Burla Negra.
‘Unha gran Burla Negra. Arquivo vivo’ poderá visitarse ata o 16 de marzo de luns a venres de 17.00 a 20.30 e os sábados de 11.00 a 14.00 e de 17.00 a 20.00 horas.