Abur viaduto

0
Abur viaduto

1978, A Coruña. É alcalde Liaño Flores, avogado e procurador en Cortes no franquismo. Remodélase o parque de Santa Margarita e inaugúrase o encoro de Cecebre, seguindo a febre dos pantanos da época. Tamén se erixe no centro da Coruña, na ronda de Nelle cruzando a Avenida Finisterre, unha mole de cemento e formigón en forma de viaduto.

Daquela xurdira oposición veciñal por unha estrutura que os propios veciños e veciñas tiveron que axudar a construír. Desde entón, 41 anos -14.965 días- soportando o tráfico a escasos metros das vivendas. Dificultade para durmir polo ruído, imposible tender a roupa polo fume dos coches ou abrir a fiestra.

Tamén sofre o comercio local: baixo o viaduto, raro é o local que permanece aberto. Persianas baixadas e cristais rotos. Coches e máis coches. O viaduto é un exemplo do modelo urbanístico deses anos, centrado no vehículo individual. Após 41 anos de falsas promesas de gobernos de diferentes cores, a Comisión Veciñal cóntanos que o goberno da Marea Atlántica foi quen puxo o interés preciso para demoler o viaduto, proxecto que continuou o actual goberno municipal do PSOE. As obras comezarán en xaneiro de 2020 e deberían estar rematadas a finais do mesmo ano.

A actual corporación amosa o seu compromiso por un modelo de cidade pensado nas persoas que reduza o peso do coche na cidade. Como din desde a Comisión Veciñal, que por fin ve satisfeita a súa demanda, “máis que un viaduto, é un exemplo do que non se debe facer nunca nunha cidade.”