Home Programas Espazo Aberto Abrir os nosos armarios, tamén no rural

Abrir os nosos armarios, tamén no rural

0
Abrir os nosos armarios, tamén no rural

Para facer realidade a independencia do movemento, tamén hai que acadar a sexo-independencia” foron as palabras de Paula Gioia, coordinadora do ECVC, no “I Encontro LGTBIQ da Coordinadora Europea Vía Campesina”. Este movemento, xunto co Sindicato Labrego Galego e activistas LGTBI, está desenvolvendo un debate aberto sobre a discriminación e as violencias que sofre este colectivo no mundo rural en todo o mundo.

Ángel Amaro, activista LGTBI, e Isabel Vilalba, secretaria xeral do SLG, acompañaron a Gioia na presentación, xunto con participantes de outras partes de España como País Vasco e Andalucía, e de toda Europa, incluindo Alemania, Austria, Bélxica, Gran Bretaña e Noruega. Todos co obxectivo de considerar e debater nas palestras abertas a situación real da xente homosexual e non cisxénero das comunidades campesiñas. Algo que dende o SLG consideran imprescindible solucionar para cumprir coa súa axenda de “acadar un proxecto de vida seguro e digno libre dunha contorna hostil” para todos os traballadores do rural.

Amaro resaltou dous obxectivos principais, que serían, por unha banda, “como artellar unha soberanía integral, social, sexual e nacional” atopando “outro tipo de metodoloxías que nos integren a todas, todos e todes” e pola outra, “como lograr unha emancipación interseccional que fale ao mesmo tempo, ao mesmo nivel e coa mesma intensidade de clase social, de sexualidades, de afectividades, de romanticismo, de eróticas, de corpos, de agricoloxía, de defensa do territorio e de defensa da cultura labrega”.

Asemade, e facendo especial fincapé en que a unión fai a forza e os colectivos LGTBIQ e labregos deberían participar xuntos e crear alianzas, deu especiais agradecementos ás activistas Daniela Ferrández (da asociación Amizando), Ximena González (da Marcha Mundial de Mulleres) e a Laura Bugalho, “que a nivel galego e a referente máxima da nosa historia LGTB”. Persoas que a secretaria do SLG considera imprescindibles no proceso de levar o tema da preocupación á acción.

Temos que abrir totalmente os nosos armarios e non podemos lexitimar ningunha opresión de ningún tipo

As xornadas, que se están a celebrar no Centro de Interpretación Ambiental do Parque de Belvís do día 15 ao 17 de novembro, teñen como obxectivo dar cunha solución, un xeito de encamiñar o proceso de integración e loitar contra a discriminación. A creación dun espazo no que as persoas teñan oportunidade de intercambiar, de ter dinámicas grupais para comparar e aprender, é un destos pasos, como a elaboración de extratexias para levar este tema á axenda principal do movemento.