
A Xunta de Galicia publicou o anteproxecto de lei para o recoñecemento da universidade privada Universidad Intercontinental de la Empresa, solicitada pola entidade Fundación Galicia Obra Social-Afundación, ou o que é o mesmo: Abanca.
Segundo o anteproxecto publicado, o proxecto parte do IESIDE (Instituto de Educación Superior Intercontinental da Empresa), centro adscrito á Universidade de Vigo. No documento, o novo ente “nace como unha institución privada de educación superior, de servizo público e responsabilidade social e con personalidade xurídica propia” e constitúese baixo a recorrente fórmula das fundacións.
Para o voceiro do grupo de En Marea, Luis Villares, é un “absoluto desprecio aos reitores”, logo de que Feijóo acudise ao acto de inicio do curso das universidades públicas galegas.
De aprobarse de xeito definitivo o proxecto, Abanca tería un prazo de cinco anos para solicitar o inicio da súa actividade.
Esta universidade privada tería sede en Santiago de Compostela, con campus na Coruña e Vigo e impartiría ensinanzas con validez nacional e títulos oficiais. Estaría especializada en ciencias sociais e xurídicas, arquitectura e enxeñaría.