Logo de varios meses de negociacións coas demais forzas políticas e asociacións a prol da accesibilidade universal como Cogami, o grupo de Goberno de Santiago de Compostela vén de aprobar a convocatoria de axudas do ‘Bonotaxi’. Trátase do segundo ano que se presenta esta subvención, e desta volta tenta achegarse a un sector da poboación máis amplo que na pasada edición.
Facilitar desprazamentos en taxi para as persoas maiores con problemas de desprazamentos
Desta volta, a contía máxima a percibir será de 350 euros nun pago único. Asemade, poderá optar á axuda calquera persoa empadroada hoxe na cidade, e pon o foco dun xeito especial sobre as parroquias do rural. En consecuencia, este ano poderán recibir a subvención as persoas que teñan recoñecido legalmente problemas de mobilidade, as persoas con discapacidades superiores ao 33% e as persoas maiores de 65 anos que residan no rural.
Ata o 19 de xullo
O prazo de inscrición ficará aberto até o vindeiro 19 de xullo, e poderase solicitar a través dos puntos de atención de Servizos Sociais do Concello, na Oficina de Atención ao cidadán ou no portal web do Concello. As bases da convocatoria están dispoñíbeis nesta ligazón.
O Concello de Santiago aproba a nova convocatoria de axudas do Bonotaxi