Por décimo ano consecutivo, a Universidade de Santiago de Compostela organiza o Verán CampUSC, un programa de conciliación para a comunidade universitaria. Haberá cinco quendas repartidas entre os meses de xuño, xullo e setembro, cada unha delas cunha oferta de cen prazas, das cales trinta estarán reservadas para persoas non vencelladas á USC. Este campus está orientado a nenos e nenas de entre 3 e 13 anos residentes no Concello de Santiago.
O programa desenvolverase de luns a venres en horario de 8.45 a 14.45 horas, e primarán as actividades deportivas e de ocio e tempo libre en base a criterios pedagóxicos e de perspectiva de xénero. O obxectivo é fomentar entre a cativada valores como a cooperación, o esforzo ou a solidariedade.
O prazo de preinscrición comezou o pasado martes e permanecerá vixente até o 7 de maio. Para formalizalo é preciso cubrir un cuestionario exposto na páxina web da Fundación USC Deportiva. O 9 de maio, a Universidade publicará unha listaxe provisional coas persoas admitidas.