O novo Centro Cívico do Romaño-Vista Alegre xa é unha realidade. O novo punto de encontro dos veciños do barrio presentouse en sociedade coa presenza dun dos arquitectos da obra, Gonzalo Alonso, e da concelleira de Centros Cívicos, Concha Fernández. O edificio conta cunha superficie de arredor de mil metros cadrados, e cumpre coas demandas da veciñanza.
Trátase dunha construción moderna e innovadora, que incorpora un salón de actos e diversos espazos moi luminosos que poderán ser empregados para distintas actividades.
As obras para a construción do centro foron adxudicadas en maio de 2014, cun prazo de execución de dez meses, pero a construción demorouse por diferentes defectos estruturais. O custe final ascende a 764.000 euros.