O concello de Santiago pon en marcha por terceira vez a iniciativa das axudas do “bonotaxi”. Estas subvencións están dirixidas ás persoas con discapacidades que, por ter gravemente afectada a súa mobilidade, por residir en zonas rurais ou por ter unha discapacidade visual igual ou superior ao 75% non poden utilizar o servizo de transporte público.
Tamén poderán solicitar as axudas as persoas maiores que residan na contorna rural aínda que non presenten ningunha discapacidade. E como novidade desta edición, tamén aquelas persoas residentes da contorna rural que estean afectadas por doenzas que lles impidan conducir.
Estas axudas perseguen o obxectivo de facilitar os desprazamentos para o desenvolvemento da vida cotiá e favorecer a convivencia comunitaria coa finalidade de corrixir a desigualdade na sociedade.
As solicitudes deberán presentarse antes do seis de maio no Rexistro Xeral do Concello.