Home Programas Espazo Aberto Abel Caballero e a Xunta loitan por ver quen ten máis luces

Abel Caballero e a Xunta loitan por ver quen ten máis luces

0
Abel Caballero e a Xunta loitan por ver quen ten máis luces
Fotografía: xovesphoto

Audasa quere iluminar a ponte de Rande. Confirmouno onte a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez. Ademais, recoñeceu que a Xunta traballa desde hai tempo nesta iluminación ornamental, co que din, a ponte de Rande se convertería nunha “referencia internacional”.

A Conselleira explicou que lle solicitaron a Audasa “que este fito da enxeñaría brille con luz propia e alumee Vigo e a súa ría.” Nesta loita lumínica tamén participa Corina Porro, delegada territorial da Xunta en Vigo.

Non podería faltar a outra parte, Abel Caballero. Ao tempo que a Xunta anunciaba a iluminación da ponte, en Vigo comezaba a colocación do alumeado de Nadal, a día 10 de setembro. O alcalde de Vigo afirmaba con orgullo que a cidade terá 10 millóns máis de luces este Nadal: “O resplandor de Vigo poderá verse desde Barcelona, Sevilla, Bilbao… e por suposto, desde Nova York”. Caballero tirou de retranca e dixo que esta vez, sería o alcalde de Nova York quen o chamase para visitar Vigo.

No medio desta batalla de luces entre administracións, a vida segue en Vigo e na contorna. A semana pasada, varias das persoas sen teito que levan dous anos acampadas na cidade entraban no pleno do concello esixindo solucións.

Onte mesmo, Ethel Vázquez cuestionou a labor de Audasa e a suba das peaxes que financiaron a ampliación da ponte. A conselleira agarda un pronunciamento dos tribunais, logo de que a Fiscalía de Pontevedra demandase a Audasa polo cobro das peaxes da AP-9 durante o período de ampliación.