A exposición “Galicia universal. A arte galega nas coleccións de ABANCA e Afundación” está chamada a ser un dos eventos artísticos máis importantes deste ano. As magnas coleccións privadas da entidade bancaria e a súa institución atesouraron ao longo de moitos anos unha importante mostra de arte contemporánea que seguiu medrando coa adquisición de novas obras na actualidade.
Ata o 14 de outubro
A mostra, que se poderá ver no Museo Centro Gaiás desde o 16 de marzo ao 14 de outubro, ten a intención de relatar o desenvolvemento das artes plásticas galegas desde a primeira metade do século XIX até comezos do actual.
De Castelao a Picasso
Un total de 192 pezas de 119 artistas conforman esta exposición deseñada baixo dez eixes temáticos da historia da arte galega: a cultura popular, a representación da muller, a paisaxe, a vida e as formas, o público-privado, retratos, o compromiso social e político, a abstracción e a nova figuración, o atlantismo e as redes de comunicación. A través destes temas a galería de artistas viaxa de Castelao a Antón Lamazares, pasando por Maside, Laxeiro, Seoane, Colmeiro, Caruncho Leiro, Antón Patiño e mesmo o propio Picasso nunha obra que realizou ao seu paso pola Coruña.
As coleccións
ABANCA e Afundación contan cun importante fondo artístico que poucas veces sae á luz. No caso da entidade bancaria confórmano 1.348 obras pertencentes a 239 artistas significativos do século XX. No segundo a colección conta con máis de 5.000 obras de artistas que abarcan desde o século XIX até os nosos días.