A xustiza continúa avalando a remunicipalización da ORA e o guindastre en Compostela

O alcalde recibiu con satisfacción a desestimación do recuso presentado por un avogado a título persoal

A remunicipalización da ORA e o guindastre en Santiago recibiu hoxe outra boa nova. Segundo anunciou o alcalde da cidade, Martiño Noriega, o xulgado desestimou a denuncia formulada por un avogado compostelán contra a remunicipalización da ORA e o guindastre.

Polo tanto, o xulgado contencioso-administrativo número 2 de Santiago vén de desestimar a solicitude presentada polo avogado Carlos Abal para a suspensión cautelar da municipalización, acordada polo Pleno da Corporación no pasado mes de marzo. “De ter seguido adiante tería causado danos irreparables”, asegurou o alcalde. Noriega quixo deixar en evidencia a actitude deste avogado “que está representando a alguén”.

O alcalde considera de “sentido común” a determinación xudicial. Agora quedaría pendente o recurso do mesmo avogado contra a asunción municipal de dous servizos que se prestan conxuntamente. “Unha pedra menos no camiño” destacan desde Compostela Aberta

Balance positivo dos primeiros meses trala recuperación do servizo

Pouco antes das explicacións do alcalde, o concelleiro de Espazos Cidadáns fixo  balance da xestión directa da ORA e do guindastre por parte da empresa municipal Tussa, cando teñen pasado cinco meses dende a municipalización do servizo. Jorge Duarte destacou que durante este período de adaptación ten “transcorrido sen incidencias maiores e sen que a calidade do servizo se vira diminuída, salvo nos primeiros días de transición, no mes de xuño”

Faite socia, faite socio

As socias e socios de Nós Televisión son un piar básico. Desde moi pouco, a túa achega económica pode axudarnos a consolidar este espazo audiovisual libre e en galego