Home Programas Espazo Aberto CCOO gáñalle á Xunta varias demandas por “precariedade” nas Administracións

CCOO gáñalle á Xunta varias demandas por “precariedade” nas Administracións

0
CCOO gáñalle á Xunta varias demandas por “precariedade” nas Administracións

O sindicato CCOO de Galicia informa nun comunicado que vén de gañar no último mes, e en diferentes instancias, varias demandas “contra a precariedade” nas Administracións públicas. Entre os casos que agora dá a coñecer o sindicato salienta o dunha traballadora da Xunta que levaba case trinta anos como interina.

O Pleno do Tribunal Supremo confirmou o veredicto contra a Consellaría de Política Social en Ourense. Mediante a sentenza emitida o pasado 24 de abril que obriga a converter en indefinida non fixa á denunciante, que levaba dende 1992 prestando servizos continuados na mesma praza.

O Alto Tribunal aféalle á Xunta de Galicia que non promovese “actuación ningunha para a cobertura regulamentaria da praza”, segundo fai constar o sindicato. Paralelamente, o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, en sentenzas do 30 de abril e do 15 de maio deste ano, confirma a declaración de fixeza de dúas demandas presentadas por CCOO contra os Concellos da Estrada (Pontevedra) e do Barco de Valdeorras (Ourense), que afectan o persoal dos Grupos de Emerxencia Supramunicipais.

Así mesmo, a recente sentenza do Xulgado do Social n.º 2 de Ourense, do pasado 22 de maio, tamén declara a fixeza dunha traballadora do Concello de Castrelo de Miño que tiña un contrato temporal ocupando un posto de traballo estrutural.